Teño máis de 52 anos

Se vostede ten 52 anos ou máis e esgotou a prestación ou subsidio por desemprego, coñeza cales son os requisitos que debe cumprir e a información necesaria para solicitar un subsidio por desemprego de maior de 52 anos.

Nota informativa subsidio por desemprego para maiores de 52 anos

Nota informativa para persoas beneficiarias do subsidio por desemprego para maiores de 55 anos

En liña Dende a sede electrónica

Presencial Pide a túa cita na túa oficina máis próxima

FAQ Accede ás preguntas máis solicitadas

Requisitos

  • Estar en desemprego.
  • Ter cumpridos 52 ou máis anos na data en que se esgote a prestación por desemprego ou o subsidio por desemprego, ou telos no momento de reunir os requisitos para acceder a algún dos seguintes subsidios: por esgotamento da prestación contributiva, emigrante retornado ou retornada, revisión por melloría dunha invalidez, liberado ou liberada de prisión ou cotizacións insuficientes para a prestación contributiva; tamén se cumpre os 52 anos mentres está a percibir algún dos devanditos subsidios.
  • Se na data en que se atope nalgún dos supostos previstos nos apartados anteriores, non cumprise a idade de 52 anos, pero, dende a devandita data, permanecese inscrito ou inscrita ininterrompidamente como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, poderá solicitar o subsidio cando cumpra esa idade.

  • Considerarase cumprido o requisito de inscrición ininterrompida cando cada unha das posibles interrupcións na inscrición como demandante de emprego tivese unha duración inferior a tres meses, non computándose os períodos que correspondan á realización de actividade por conta propia ou allea. Neste último caso o traballador non poderá acceder ao subsidio cando o cesamento no último traballo fose voluntario.
  • Estar inscrito ou inscrita como demandante de emprego durante un mes dende que se esgote a prestación que vostede estaba a percibir (data en que finaliza a prestación concedida, que sempre será anterior á data do último cobramento da prestación), e non rexeitar durante ese mes ningunha oferta de colocación adecuada, nin negarse a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional. A inscrición deberá manterse durante todo o período de percepción do subsidio.
  • Cumprir o compromiso de actividade que está incluído na solicitude
  • Ter cotizados por desemprego un mínimo de 6 anos ao longo da súa vida laboral.
  • Cumprir no momento da solicitude todos os requisitos, agás a idade, para acceder a calquera tipo de pensión contributiva de xubilación no sistema da Seguridade Social español - Ter cotizado por xubilación 15 anos, dous dos cales han de estar dentro dos últimos 15 anos -.
  • Estar incluída ou incluído nalgún dos supostos seguintes:
      • Estar percibindo ou ter dereito a percibir subsidio.
      • Ter esgotado prestación contributiva ou subsidio por desemprego.
      • Ser emigrante que retornou a España (debe traballar como mínimo 12 meses no estranxeiro, en países non pertencentes á Unión Europea ou o Espazo Económico Europeo, dende a súa última saída de España) e non ter dereito a prestación contributiva por desemprego.
      • Ser liberado ou liberada de prisión sen dereito a prestación contributiva por desemprego, cando a privación de liberdade fose por tempo superior a 6 meses.
      • Ter sido declarada ou declarado plenamente capaz ou persoa con invalidez parcial como consecuencia de expediente de revisión por melloría dunha situación de gran invalidez, invalidez absoluta ou total para a profesión habitual.
      • Estar en situación legal de desemprego e non ter dereito a prestación contributiva por desemprego por non ter cuberto o período mínimo de cotización (12 meses), sempre que cotizase, polo menos, 3 meses.
  • Carecer de rendas propias de calquera natureza que en cómputo mensual sexan superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional,excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
  • As cotizacións efectuadas noutros países téñense en conta para percibir este subsidio só se foron realizadas en países pertencentes ao Espazo Económico Europeo ou cos que exista convenio de totalización de períodos para a protección por desemprego, tanto se os períodos son posteriores á entrada en vigor dos convenios, coma se son anteriores.
  • Deberá cumprir os requisitos no momento do feito causante e ademais, cando vostede solicite o subsidio, as continuacións, no momento da presentación da declaración anual de rendas e durante todo o tempo en que perciba o subsidio.

    Considérase como data do feito causante aquela na que se cumpra o prazo de espera dun mes, ou se produza a situación legal de desemprego, ou finalice a causa que tivese provocado a suspensión do devandito subsidio.

    Se non cumpre o requisito de carencia de rendas propias, poderá acceder ao subsidio se o cumpre e o acredita dentro do prazo dun ano dende a data en que se produciu o feito causante.

    Este subsidio non será de aplicación ás persoas traballadoras fixas descontinuas mentres manteñan a devandita condición.

    Obrigas, infraccións e sancións

Duración e contía

Duración

A duración será ata que vostede alcance a idade ordinaria que se lle esixa para ter dereito á pensión contributiva de xubilación no sistema da Seguridade Social.

Contía

A contía mensual do subsidio por desemprego é igual ao 80 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). (Contías para este ano).

A entidade xestora (Servizo Público de Emprego Estatal ou Instituto Social da Mariña) ingresará as cotizacións á Seguridade Social correspondentes á xubilación. A base de cotización por xubilación será o 125 % do tope mínimo de cotización vixente en cada momento.

O pagamento do subsidio realizarase por mensualidades de 30 días, entre os días 10 e 15 do mes inmediato seguinte ao que corresponda a devindicación. Efectuarase, agás excepcións,mediante o aboamento na conta da entidade financeira que vostede indique, sempre que sexa titular da mesma. 

 

Documentación necesaria

A documentación que debe achegar é a seguinte:

  • Modelo oficial de solicitude.
  • Documento de identificación da persoa solicitante, para comprobar os datos bastará con mostrar un dos seguintes documentos:
    • Españois e españolas: Documento Nacional de Identidade (DNI) ou pasaporte.
    • Estranxeiras e estranxeiros residentes en España:
      • Nacionais da Unión Europea: Certificado de rexistro de cidadá/n da Unión Europea no que consta o NIE, xunto co pasaporte ou documento identificativo no seu país de orixe.
      • Non nacionais da Unión Europea: Tarxeta de identidade de Estranxeiros/as (TIE) na que consta o NIE, e o pasaporte.
  • Calquera documento bancario no que figure o número de conta do que vostede sexa titular e onde desexe percibir a prestación.
  • Soamente se o Servizo Público de Emprego Estatal o solicita, o xustificante de rendas.

Para manter o dereito ao subsidio, debe xustificar que segue cumprindo o requisito de carencia de rendas propias. Para iso, debe presentar ante o Servizo Público de Emprego Estatal unha declaración das súas rendas cada doce meses, a contar dende a data do nacemento do dereito ao subsidio ou dende a data en que o renovou por última vez. O prazo para presentar esta declaración é de 15 días a partir daquel no que se cumpran os doce meses.

Se non presenta esta declaración no prazo indicado, interromperase o pagamento do subsidio e da cotización á Seguridade Social.

Se presenta a declaración fóra de prazo, renovarase o cobramento do subsidio, pero con efectos dende a data en que entregue a devandita declaración.

As persoas traballadoras que perciban o subsidio de maiores de 52 anos poderán asinar un Convenio Especial, a través das Direccións Provinciais da Tesourería Xeral da Seguridade Social, para completar a cotización por xubilación que efectúa o Servizo Público de Emprego Estatal.

 

Cando, onde e como o tramito

Documentación