Teño máis de 55 anos

Se tes 55 anos ou máis e esgotaches a prestación ou subsidio por desemprego, coñece cales son os requisitos que debes cumprir e a información necesaria para solicitar un subsidio por desemprego de maior de 55 anos.

En liña Dende a sede electrónica

Presencial Pide a túa cita na túa oficina máis próxima

FAQ Accede ás preguntas máis solicitadas

Requisitos

  • Estar en desemprego.
  • Ter cumpridos 55 ou máis anos na data de esgotamento da prestación por desemprego ou do subsidio por desemprego, ou ter cumprida esa idade no momento de reunir os requisitos para acceder a algún dos seguintes subsidios: por esgotamento da prestación contributiva, emigrante retornado, revisión por melloría dunha invalidez, liberado de prisión ou cotizacións insuficientes para a prestación contributiva, ou cumprila durante a percepción destes.
  • Estar inscrito como demandante de emprego durante o período dun mes dende o esgotamento da prestación (data en que finaliza a prestación concedida, que sempre será anterior á data do último cobramento da prestación), sen ter rexeitado oferta de colocación adecuada, nin negarte a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional, dende o esgotamento da prestación contributiva. A inscrición deberá manterse durante todo o período de percepción do subsidio.
  • Subscribir o compromiso de actividade.
  • Ter cotizado por desemprego un mínimo de 6 anos ao longo da túa vida laboral.
  • Cumprir todos os requisitos, agás a idade, para acceder a calquera tipo de pensión de xubilación no Sistema Español da Seguridade Social.
  • Estar incluído nalgún dos supostos seguintes:
    • Estar percibindo ou ter dereito a percibir subsidio.
    • Ter esgotado prestación contributiva ou subsidio por desemprego.
    • Ser emigrante retornado (ter traballado como mínimo 12 meses no estranxeiro, en países non pertencentes á Unión Europea ou o Espazo Económico Europeo, dende a túa última saída de España) sen dereito a prestación contributiva por desemprego.
    • Ser liberado ou liberada de prisión sen dereito a prestación contributiva por desemprego cando a privación de liberdade fose por tempo superior a 6 meses.
    • Ter sido declarado plenamente capaz ou inválido parcial como consecuencia de expediente de revisión por melloría dunha situación de grande invalidez, invalidez absoluta ou total para a profesión habitual.
    • Estar en situación legal de desemprego, non ter dereito a prestación contributiva por desemprego por non ter cuberto o período mínimo de cotización (12 meses), sempre que cotizases, polo menos, 3 meses.
  • Carecer de rendas, de calquera natureza, superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. (Contías para este ano). As rendas computaranse polo seu rendemento íntegro ou bruto. O rendemento que proceda de actividades empresariais, profesionais, agrícolas, gandeiras ou artísticas, computarase pola diferenza entre os ingresos e gastos necesarios para a súa obtención. As ganancias patrimoniais computaranse pola diferenza entre as ganancias e as perdas patrimoniais.

As cotizacións efectuadas noutros países téñense en conta para percibir este subsidio só se foron realizadas en países pertencentes ao Espazo Económico Europeo ou cos que exista convenio de totalización de períodos para a protección por desemprego, tanto se os períodos son posteriores á entrada en vigor dos convenios, coma se son anteriores.

Os requisitos deberán reunirse no momento do feito causante e, ademais, no da solicitude do subsidio, das continuacións, da presentación da declaración anual de rendas e durante toda a percepción do subsidio.

Se non reúnes os requisitos de carencia de rendas e, se é o caso, de responsabilidades familiares, poderás obter o subsidio se dentro do prazo dun ano, dende a data do feito causante, acreditas que os cumpres.

Considérase como data do feito causante aquela na que se cumpra o prazo de espera dun mes, ou se produza a situación legal de desemprego, ou a de finalización da causa de suspensión.

Aínda que carezas de rendas, se tes cónxuxe e/ou fillos menores de 26 anos, ou maiores discapacitados ou menores acollidos, unicamente se entenderá cumprido o requisito de carencia de rendas cando a suma das rendas de todos os integrantes da unidade familiar así constituída, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75 % do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. (contías para este ano).

Este subsidio non será de aplicación ás persoas traballadoras fixas descontinuas mentres manteñan a devandita condición.

Obrigas, infraccións e sancións

Duración e contía

Duración

A duración será ata alcanzar a idade de xubilación en calquera das súas modalidades.

Contía

A contía mensual do subsidio por desemprego é igual ao 80 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). (contías para este ano).

No caso de desemprego por perda dun traballo a tempo parcial, a devandita contía percibirase en proporción ás horas previamente traballadas.

A entidade xestora (Servizo Público de Emprego Estatal ou Instituto Social da Mariña) ingresará as cotizacións á Seguridade Social correspondentes á xubilación. A base de cotización por xubilación será o tope mínimo de cotización vixente en cada momento.

O pagamento do subsidio realizarase por mensualidades de 30 días, entre os días 10 e 15 do mes inmediato seguinte ao que corresponda a devindicación. Efectuarase, agás excepcións, mediante o aboamento na conta da entidade financeira que indiques, sempre que sexas titular desta. 

 

Documentación necesaria

A documentación que debes achegar é a seguinte:

  • Modelo oficial de solicitude 
  • Documentos de identificación do solicitante (soamente será necesaria a súa exhibición para verificar eses datos):
    • Españois: Documento nacional de identidade (DNI) ou pasaporte.
    • Estranxeiros residentes en España:
      • Comunitarios: Certificado de rexistro de cidadán da Unión Europea no que consta o NIE, xunto co pasaporte ou documento identificativo no seu país de orixe.
      • Non comunitarios: Tarxeta de identidade de estranxeiros (TIE) na que consta o NIE, e o pasaporte.
  •  Calquera documento bancario no que figure o número de conta do que sexas TITULAR e onde desexes percibir a prestación.
  •  Se é o caso, Libro de Familia ou documento equivalente, se es estranxeiro.
  • Soamente se a entidade xestora o solicita, o xustificante de rendas.

Para manter o dereito deberás acreditar que mantés a situación de carencia de rendas. Para iso debes presentar ante o Servizo Público de Emprego Estatal unha declaración das túas rendas, cada vez que transcorran doce meses dende a data do nacemento do dereito ou dende a data da súa última continuación, no prazo dos 15 días seguintes a aquel no que se cumpra o período sinalado.

A falta de achega da declaración no prazo indicado implicará a interrupción do pagamento do subsidio e da cotización á Seguridade Social.

A achega da declaración fóra de prazo implicará a continuación da devindicación do dereito con efectos da data en que se achegue a devandita declaración.

As persoas traballadoras perceptoras do subsidio de maiores de 55 anos poderán subscribir un Convenio Especial a través das direccións provinciais da Tesourería Xeral da Seguridade Social para completar a cotización por xubilación que efectúa a entidade xestora.

Cando, onde e como o tramito

Se tes 55 ou máis anos no momento en que se produza algunha das situacións descritas nos requisitos anteriores, debes presentar a solicitude no prazo de 15 días hábiles seguintes, unha vez transcorrido un mes de espera, agás no suposto de que cesases nun traballo e non teñas dereito a prestación contributiva, en que o prazo é de 15 días hábiles a partir do cesamento ou da finalización do período de vacacións anuais retribuídas e non gozadas, se é o caso.

A data de inicio do subsidio, sempre que se presente a solicitude dentro de prazo, estará en función da vía de acceso a este:

  • Se é por esgotamento da prestación contributiva ou por ser emigrante retornado, liberado de prisión ou declarado plenamente capaz ou inválido parcial como consecuencia dun expediente de revisión por melloría dunha invalidez, o subsidio nacerá a partir do día seguinte a aquel en que se faga o mes de espera.
  • Se é por estar en situación legal de desemprego e non ter dereito a prestación contributiva por acreditar un período de ocupación cotizada inferior a 360 días, o dereito nacerá ao día seguinte á situación legal de desemprego causada polo cesamento involuntario no traballo. No suposto de que a empresa che aboase vacacións por non telas gozado con anterioridade ao cesamento, o subsidio nacerá a partir do día seguinte a aquel en que finalice o período equivalente ás vacacións.
  • Se durante a percepción dun destes subsidios fas a idade de 55 anos, a data de inicio será a partir do momento en que se faga a devandita idade.

Se presentas a solicitude fóra de prazo, o dereito nacerá a partir do día seguinte ao da solicitude.

Podes presentar a solicitude a través de:

Podes obter máis información no teléfono de atención ao cidadán 901 119 999.

Documentación